Monday 13 de May de 2024

A sala de exposicións da Biblioteca acolle dúas mostras fotográficas adicadas ao pobo xitano de Narón


A sala de exposicións da Biblioteca, na planta soto, acolle dende hoxe luns e ata o 18 de xullo dúas mostras fotográficas adicadas ao pobo xitano de Narón: “Somos xitanos e xitanas de Narón e esta é a nosa historia” e “Homenaxe ao pobo xitano de Narón”. A concelleira de Benestar Social, Catalina García, visitou esta mañá a mostra e recordou que estas imaxes xa se puideron ver o pasado mes de abril no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, con motivo da programación do Día Internacional do Pobo Xitano. A edil indicou que as mostras se poderán ver ata o vindeiro 18 de xuño nas citadas instalacións, de luns a venres en horario de 17.00 a 20.00 e os sábados de 10.00 a 13.00 horas.
Na mostra “Somos xitanos e xitanas de Narón e esta é a nosa historia” pódense ver diferentes fotografías de persoas de etnia xitana da cidade, mentres que a de “Homenaxe ao pobo xitano de Narón” está integrada por imaxes de entrevistas interxeracionais e interculturais a persoas de etnia xitana e tamén doutras culturas.
García animou á veciñanza a visitar esta mostra, que ten entre os seus obxectivos “visibilizar e poñer en valor a cultura xitana co fin de reivindicar a plena integración do colectivo na sociedade, que lamentablemente aínda non é unha realidade”.